Roteiro micolóxico da Carballosa

Un roteiro para coñecer a vida que medra baixo os nosos pés e poñer en valor a complexidade da carballeira.
O domingo 11 de outubro convidámoste a percorrer A Carballosa, a carballeira do Bosque de San Fitorio, moi preto dos Lagos de Teixeiro (Lugo), da man de Jose Castro.
Será unha mañá para aprender sobre a micobiota da contorna, achegarnos ás peculiaridades do Reino Fungi e descubrir as diversas especies que podemos atopar neste bosque. Non fai falta experiencia previa: é unha actividade aberta a todos os públicos, tanto para persoas xa afeccionadas á micoloxía como para quen queira iniciarse.
Durante o roteiro iniciaremos tamén o traballo de campo para elaborar un catálogo micolóxico da Carballosa. Esta ferramenta científica permitirá rexistrar e poñer en valor o seu grao de complexidade ecosistémica, contribuíndo a coñecer e defender mellor este lugar.
A Carballosa forma parte dunha contorna ameazada polo PE Xescabarex, un dos proxectos eólicos fronte aos que Raíces do Vento se ten posicionado. Coñecer o territorio é tamén unha forma de coidalo.
Información práctica
Data e horario: domingo, 11 de outubro de 2026 · 10:30–14:00
Lugar: A Carballosa, Bosque de San Fitorio, preto dos Lagos de Teixeiro (Lugo).
Prezo: de balde para persoas asociadas; 2 € para non asociadas.
Inscrición: obrigatoria, con prazas limitadas. Escríbenos a raicesdovento@gmail.com. O punto de encontro comunicarase ao formalizar a inscrición.
Para desfrutar do roteiro
- Leva roupa cómoda e adecuada á meteoroloxía.
- Recomendamos calzado de monte ou outro calzado pechado con boa suxeición.
- Trae auga e algún petisco para a mañá.
