Que defendemos

Defendemos a terra, a biodiversidade, a memoria e unha transición enerxética xusta e respectuosa co territorio.

Defendemos un territorio real, con nomes, historia, memoria e vida. Defendemos lugares como os Lagos de Teixeiro, Monte Castelo, o bosque de San Fitorio, a contorna de Ludrio e o Castro de Viladonga, porque forman parte da identidade desta comarca e da relación que a veciñanza mantén coa terra.

Lagos de Teixeiro

Defendemos tamén o patrimonio histórico e cultural que atravesa este territorio. O Camiño Rexio, sobre o que xa se realizou un traballo previo para o seu recoñecemento como itinerario oficial dos Camiños de Santiago baixo a denominación de Vía Rexia, non é só un percorrido: é unha pegada da nosa historia e unha mostra de como o territorio conserva memoria, usos e significado. Nesa mesma liña, o miradoiro de Monte Castelo conecta a paisaxe coa memoria e co relato de Ulf o Galego, engadindo valor histórico e simbólico a un espazo que tamén merece ser respectado e coidado.

Monte Castelo

Defendemos a biodiversidade con feitos. Antes mesmo de constituírnos como asociación, organizamos o I Bioblitz dos Lagos de Teixeiro para poñer en valor a riqueza natural da zona. Nesa iniciativa rexistráronse 558 observacións de fauna, flora e micobiota en espazos como Lagos de Teixeiro, San Fitorio, A Meda e Barredo.

Bioblitz dos Lagos de Teixeiro

A partir dese traballo púxose en marcha tamén un proxecto paraugas en iNaturalist que abrangue esta contorna e que inclúe o propio Bioblitz, co obxectivo de seguir incorporando observacións e coñecemento ao longo do tempo. Porque comprender mellor a riqueza natural deste territorio tamén é unha forma de defendelo.

Bosque de San Fitorio

Defendemos tamén o dereito da xente a vivir con dignidade nos lugares que habita. Por iso denunciamos proxectos como a subestación prevista en Ludrio, que se pretende situar a poucos metros de vivendas e negocios, sen o respecto nin a consideración que merece a vida cotiá da veciñanza.

Defendemos, ademais, o sentido do investimento público feito para poñer en valor este territorio. As administracións destinaron recursos de todas e todos para mellorar e destacar espazos como os Lagos de Teixeiro, o miradoiro de Monte Castelo ou o trazado da Vía Rexia. Permitir agora que proxectos destas características deterioren ou desfiguren ese patrimonio sería tamén malgastar cartos públicos investidos precisamente en conservar, explicar e dignificar a riqueza natural, paisaxística e cultural da comarca.

Defendemos os medios de vida no rural, a paisaxe, o patrimonio natural e cultural, os camiños, as traídas, os nomes dos lugares e a posibilidade de que as xeracións que veñen poidan seguir habitando esta terra. E defendemos, por enriba de todo, o dereito das comunidades a seren informadas, escoitadas e tidas en conta desde o inicio nas decisións que afectan ao seu territorio.

Raíces do Vento
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.