Raíces do Vento xorde da preocupación compartida e da unión de persoas de Castro de Rei, Lugo, Pol, Castroverde, Riotorto, Meira, Begonte e outros concellos da contorna que, ao comezar a informarse sobre os proxectos eólicos e as súas infraestruturas asociadas, entenderon que non estaban diante de casos illados, senón dunha ameaza moito maior para o territorio.
Antes da constitución formal da asociación, xa nos estabamos organizando como plataforma veciñal. A medida que fomos coñecendo mellor o alcance destes proxectos, vimos tamén a necesidade de contar cunha personalidade xurídica colectiva que nos permitise actuar con máis forza e máis amparo como comunidade organizada.
A creación da asociación responde tamén a esa necesidade: poder presentar alegacións e defender o territorio como colectivo, diante dunha situación na que moitas veciñas e veciños, actuando de maneira individual, se atopaban con silencio administrativo por parte das administracións e das empresas promotoras.
O que fomos descubrindo foi un modelo de implantación sen orde nin visión de conxunto: parques eólicos, liñas de alta tensión e novas subestacións proxectadas sobre o territorio sen ter en conta de maneira real o seu impacto acumulado sobre a veciñanza, as vivendas, a actividade agrogandeira, a paisaxe, a biodiversidade e o patrimonio común.
Somos veciñas e veciños afectados, persoas vinculadas á contorna e xente comprometida coa defensa dun rural vivo, habitable e con futuro. Organizámonos de forma voluntaria para informar, unir forzas e facer comunidade arredor da defensa da terra, da vida no rural e do dereito a sermos escoitadas.
A asociación está dando agora os seus primeiros pasos formais tras a asemblea fundacional do 2 de xullo. Queremos construír unha asociación participativa, na que as persoas socias non sexan só apoio formal, senón parte activa do proxecto. A nosa intención é impulsar grupos de traballo e espazos de colaboración nos que cada persoa poida achegar tempo, coñecemento ou iniciativa na defensa do territorio.
O órgano de toma de decisión é a asemblea. A asociación conta ademais cunha xunta directiva para labores de coordinación e representación, pero a vontade é que a súa vida e a súa forza nazan tamén da implicación activa das persoas socias.
