- Este evento ha pasado.
Roteiro polo Camiño Rexio

Un percorrido para recuperar a memoria do camiño e defender a integridade da súa contorna.
O Roteiro polo Camiño Rexio foi unha actividade pensada para poñer en valor un trazado histórico da Terra Chá e para volver percorrer, con calma e atención, un camiño cargado de memoria, significado e valor patrimonial.
A xornada reuniu persoas interesadas na historia, na paisaxe e na defensa do territorio nun percorrido entre Duancos e Viladonga que permitiu achegarse ao Camiño Rexio non só como un itinerario, senón como unha pegada viva da relación entre as comunidades e o espazo que habitan.
Ao longo da mañá contamos coa compaña do historiador Ricardo Polín, que foi debullando datos históricos e etnográficos sobre o camiño, os topónimos e os lugares atravesados. Xa en Viladonga, o arqueólogo Álvaro Pérez guiou a visita final ao castro e ao museo, ampliando a lectura patrimonial da xornada e conectando o percorrido co fondo histórico desta contorna.
O roteiro quixo tamén chamar a atención sobre a necesidade de coidar espazos como este diante de intervencións que poden alterar de maneira profunda a súa integridade territorial, paisaxística e patrimonial. Nesa preocupación inscríbese tamén o impacto asociado á nova subestación proxectada en Ludrio, que contribuiría a descontextualizar por completo un trazado xa deteriorado polo exceso de infraestruturas, pero que aínda conserva un grande valor e moito que ofrecer desde o punto de vista histórico, paisaxístico e cultural.
Queremos agradecer a todas as persoas que participaron na andaina, así como a quen colaborou na súa difusión e organización. O noso agradecemento especial a Ricardo Polín e Álvaro Pérez polas súas achegas, e ao Concello de Castro de Rei polo apoio co autobús que permitiu o regreso ao punto de inicio.
Camiñar o territorio é tamén unha forma de coñecelo, recoñecelo e defendelo.















Podes desprazarte horizontalmente para ver todas as fotos.
